top of page

Raquel e Serafín

Son as oito da mañá e soa o despertador. Comeza un novo día para Raquel e Serafín e para as vacas da súa pequena explotación gandeira, demandantes xa de coidados e atencións. O traballo de hoxe, ao igual que o do resto de días, estará condicionado polas condicións climatolóxicas e polas horas de luz, sen máis condicionantes que podan alterar unha rutina monótona e tranquila, tan diferente á experimentada por outros matrimonios nas cidades. 

Raquel e Serafín non poden ter demasiadas interferencias porque, aos seus 55 e 56 anos, son os únicos residentes permanentes de A Pigaroa, a aldea de Xermade onde se atopa o seu domicilio, separado case un quilómetro da seguinte casa habitada. A súa casa está rodeada por outras dúas edificacións, unha en ruínas e outra baleira durante a maior parte dos días. Así, e co seu único fillo estudando na universidade, non os acompañan máis que os seus animais e a soidade.  

Sentada nunha cadeira do comedor, Raquel é capaz de lembrar unha vida diferente. Alá polos anos setenta, Momán, a parroquia á que pertence A Pigaroa, era un dos principais puntos de referencia na contorna. As casas estaban cheas de xente e o núcleo urbano principal gozaba de bares, restaurantes, ferraxerías, comercios, salón de baile e mesmo unha feira mensual que atraía centos de visitantes. Esta última comezou a recuperarse o pasado 2024, máis de 30 anos despois da súa última edición, pero Serafín afirma que xa non é como antes, nin en cantidade de afluencia nin de postos, xa que, en ambos casos, a xente adoita elixir as cidades e vilas para realizar as súas respectivas actividades.  

Ao longo de Momán esténdense moitos outros recordatorios pantasma da vida que un día houbo. Un exemplo é o dunha finca próxima á casa de Raquel e Serafín, unha das máis extensas de toda a provincia de Lugo. Durante anos estivo dedicada á explotación apicultora, pero, ante a ausencia de herdeiros que quixesen tomar o relevo, hoxe está completamente ocupada pola maleza.  

Sen tradición, sen relevo xeracional e sen servizos (en todo o concello de Xermade carecen de centro de día, pediatra, taller, transporte público ou un supermercado en condicións), a desescalada da poboación cara as cidades fai a Raquel e Serafín testemuñas dun despoboamento que, baixo o seu punto de vista, “é inevitable”.  

Correrá a súa explotación o mesmo futuro?  

bottom of page