Laura Filgueiras
Poucas situacións espertan máis a morriña que o feito de verte obrigado a marchar dun lugar do que non queres irte.
Este é un dos maiores medos de Laura Filgueiras, unha rapaza de 22 anos que viviu durante toda a súa vida en Labrada, unha pequena parroquia do concello de Guitiriz. Está a cursar o último ano de formación universitaria en Santiago de Compostela e, coa saída ao mercado laboral cada vez máis próxima, non está segura de poder cumprir o seu propósito de quedar vivindo no campo. Ademais das dificultades para atopar vivenda, que, no seu caso, poderían resolverse ocupando unha casa que a súa familia mantén baleira, a xuventude que desexa quedar no rural ten que facer fronte á imposibilidade de atopar un traballo acorde ás súas expectativas profesionais preto da casa. Laura é consciente de que, se non atopa traballo na capitalidade municipal, tería que marchar lonxe de Labrada, algo que nunca estivo nos seus plans. “Tiven unha infancia moi feliz aquí”, explica con paixón. “A sensación de liberdade é moito maior no rural que no caos das cidades. Non sei se podería renunciar a iso”.
Laura é consciente de que o amor polo rural non é tan frecuente na xente da súa idade. “Si que hai xente que trata de romantizalo”, comenta. “Pero despois chegan aquí dende a cidade e atópanse con animais, insectos, olores..., que non gustan e que tamén forman parte do rural”.
Cre que a maior parte das opinións negativas cara ese estilo de vida proveñen de meros prexuízos. Non obstante, tamén recoñece que a vida no rural pode chegar a ser moi sacrificada. Súa nai, Marta, levántase cos primeiros raios de sol para muxir manualmente as 25 vacas que conforman a súa pequena gandaría. Despois de botalas fóra para pastar, acomódalles o recinto, límpalles as camas e prepáralles a comida, sen deixar de lado as propias tarefas do fogar. Tanto Laura como súa irmá marcharon hai anos estudar fóra e o tamaño da explotación non é o suficientemente grande como para poder ter empregados, así que Marta fai todas estas labores soa, día tras día, todos os meses do ano. “É un día a día que non lle desexaría a ninguén”, confesa Laura. “Tanto iña irmá coma min marchamos estudar á universidade porque sabemos de primeira man o que é isto e non queremos estar así o resto da nosa vida. É un traballo moi escravo”.
Pese a isto, a súa convicción de buscar unha casa no campo segue estando presente. “Non é o mesmo vivir do rural que vivir no rural, nin é o mesmo ter que ocuparte do coidado dunha explotación, independentemente do tamaño, que non facelo”, explica, abrindo a porta a un punto intermedio entre a visión escravizada e a idealizada.