María Castro
O desinterese da poboación máis nova polo estilo de vida que ofertan as profesións vinculadas co sector primario é unha das principais causas da migración masiva do campo ás cidades. Lonxe de querer continuar coas explotacións familiares, a maior parte da mocidade opta por marchar fóra do marco do rural en busca de oportunidades de formación académica e profesional noutros ámbitos, dando lugar a unha ruptura de relevo xeracional que pon en perigo a supervivencia da economía agraria en moitos puntos de Galicia.
Non obstante, existen casos que parecen achegar certa esperanza a esta problemática social. Un deles é a historia de María Castro, unha rapaza de 26 anos que, pese á súa curta idade, xa manexa con soltura as rendas da explotación leiteira da súa familia, formada por unhas 300 cabezas de gando. Ela, seus pais e súa avoa son os únicos habitantes permanentes do Portalousa, un pequeno barrio da parroquia de Castiñeiras que, nalgún momento da súa historia, chegou a ser un dos núcleos de poboación rural máis importantes do concello de Xermade. Agora, está ocupado unicamente pola casa de María e pola súa granxa de vacas, a cal foi a súa paixón dende que ten uso de razón.
María é consciente de que o seu é un caso especial, xa que a maior parte da xente da súa idade non manifesta un interese tal polo campo. Nin sequera súas dúas irmás, criadas no mesmo ambiente, conciben como idea seguir os mesmos pasos que seus pais; ambas marcharon a Coruña tras acabar o bacharelato para estudar Dereito e Educación Social, respectivamente.
O rexeitamento polo rural é algo que María xa coñece dende o instituto. Xermade non dispón de ningún centro de educación secundaria, así que tanto ela como súas irmás se viron obrigadas, no seu momento, a estudar a ESO e o bacharelato no instituto de Vilalba, a media hora en coche.
Durante eses anos, María lembra recibir comentarios despectivos polo seu lugar de nacemento ou o seu estilo de vida: “A xente preguntábame se meu pai me ía vir recoller en tractor ou sorprendíase se non cheiraba a vaca, como se non tivésemos duchas na casa”. Por sorte ou por fortaleza, estes xuízos nunca chegaron a importarlle demasiado, considerando como unha simple mostra da cantidade de prexuízos que se adoptan sobre o rural e sobre a súa xente.
Durante o instituto, María comprobou que, pese a que Vilalba é un concello próximo a nivel xeográfico, a infancia das súas novas amigas e a súa foran moi distintas. Cando María era pequena, as súas únicas compañeiras de xogos durante o verán eran súas irmás. Non vían a ningún neno máis (a excepción dalgún primo ou familiar de idade semellante), non ían ao parque e tampouco quedaban na casa de ninguén mentres seus pais traballaban, porque o traballo estaba integrado na casa. “Ningunha das formas de criarse, aquí ou na vila, é mellor ou peor que a outra”, afirma. “Son diferentes. Eu non tiven ningún trauma por medrar aquí, aínda que haxa xente que pensa que si”.
O que máis lle preocupa a María, máis que o que o resto do mundo poda opinar ou non sobre o seu estilo de vida, é onde vai residir no futuro. Ten intención de quedarse coa explotación leiteira, pero non lle gustaría seguir vivindo con seus pais o resto da súa vida. Non obstante, recoñece que o camiño non parece fácil. Apenas encontra casas de aluguer pola zona e as que hai orbitan entre os 900 e os 1.000 euros mensuais, algo que, polo momento, non resulta asumible para o seu presuposto.
Trátase dun problema que non soamente ten ela, senón outras moitas persoas da contorna. “Hai uns meses contratamos a un rapaz para a explotación e tivo que marchar, precisamente, porque non atopaba unha casa na que poder vivir por aquí cerca. É complicado”, explica María.
A falta de alugueres económicos en condicións, lonxe de ser un problema exclusivo das cidades, é un atranco importante á hora de permitir o desenvolvemento das comunidades rurais. Se as poucas persoas que deciden quedar non teñen onde facelo, como se soluciona o problema?